Ter acceso a absolutamente todo fai que, moitas veces, deixemos de valorar as cousas. Iso é exactamente o que sinto que me pasou coa música. E culpo directamente a Spotify e ao seu algoritmo desta era de sobreoferta infinita.
Se fago un repaso mental, decátome de algo triste: sigo escoitando aos mesmos artistas de antes de que estourase todo isto. Falo daquela época na que aforrabas para mercar o CD en físico. Naquel entón, os grupos non me gustaban só polas súa música, senón por como chegaban á miña vida e o que representaba ese intre. Unha recomendación apaixonada, o esforzo de conseguir o disco, ler o libreto… cada descubrimento tiña un contexto e creaba un forte vínculo emocional co artista.
A ditadura do algoritmo
Todo ese romanticismo quedou estragado. Hoxe a oferta é tan inmensa que a música convértese, decote, en simple ruído de fondo. O algoritmo sabe o que encaixa comigo e encadea cancións nun fluxo onde nada destaca. O descubrimento perdeu a súa alma para ser unha simple ecuación deseñada para reternos, sen esforzo nin maxia.
O paradoxo: a comodidade gañou
O final poético sería dicir que hoxe mesmo cancelo a subscrición e volvo exclusivamente ao formato físico. Pero sexamos sinceros: iso non vai pasar. A realidade é que xa non hai volta atrás. Por moito que lamente a perda daquela conexión, hoxe non cabe na miña cabeza desprenderme da comodidade de levar un catálogo infinito no peto.
Volver confiar nas persoas
Porén, se non vou volver aos CDs, cal é a alternativa para non ser un escravo do algoritmo? A resposta quizais estea en recuperar o factor humano dentro do mundo dixital. Tratar de devolverlle a “fricción”, a intención e o contexto ao descubrimento musical.
Como sería isto na práctica? Significaría ignorar a lista xerada por intelixencia artificial e buscar recomendacións reais. Falo de escoitar programas de radio ou podcasts feitos con paixón, subscribirme a newsletters musicais, fedellar en plataformas como Bandcamp ou seguir a selos independentes. Sería volver confiar no criterio doutra persoa que che di: “Séntate e escoita isto, vaiche encantar”.
Seguiría sen ter un libreto de papel nas mans e a banda sonora da miña rutina seguiría soando a través dunha app, pero polo menos devolveríalle a alma, a historia e a emoción á música nova que decido deixar entrar na miña vida. Esta é a miña gran tarefa pendente.
Ver en Mastodon
Ver en Mastodon
Ver en Mastodon
Ver en Mastodon
Ver en Mastodon
Ver en Mastodon
Ver en Mastodon