A moderación no Fediverso: entre o coidado da comunidade e o perigo do “fediblock”

imaxe dun teclado cun botón "Block"

O Fediverso é un espazo de liberdade e diversidade, pero esa liberdade require responsabilidade. Unha das ferramentas máis controvertidas que xurdiu nos últimos tempos foi o chamado fediblock. Para quen aterra de novas neste universo, o fediblock consiste nunha práctica de adoptar listas de bloqueo masivas, compartidas por outras persoas administradoras, para silenciar ou bloquear por completo outras instancias de xeito indiscriminado. Moitas instancias, coa boa intención de protexer ás persoas usuarias da súa instancia, sumáronse a esta corrente.

O perigo das solucións sinxelas: por que o fediblock foi un erro

Aínda que a intención puidese ser boa, o resultado foi, en moitos casos, un desastre para a saúde da rede. Ao aplicar estes bloqueos masivos, acabamos por crear un Fediverso fragmentado e cheo de cámaras de eco. Censuramos, sen sabelo, a milleiros de persoas que non tiñan nada que ver cos problemas que orixinaron ese bloqueo. Pechamos a porta non só a contido problemático, senón tamén a conversas, ideas e comunidades enteiras.

A moderación non pode consistir en premer un botón e confiar cegamente nunha lista creada por terceiros. Iso é delegar a responsabilidade e, no fondo, actuar dun xeito moi semellante ás grandes redes centralizadas que tanto criticamos, onde un algoritmo ou unha autoridade opaca decide o que podes ou non podes ver.

A moderación cara fóra da instancia a nivel de federación, debe ser unha ferramenta cirúrxica, unha excepción reservada para casos graves e verificados como bombardeos de spam, campañas de acoso coordinadas desde unha instancia concreta, servidores cuxo propósito principal é aloxar contido ilegal ou de odio, etc., mais non debería ser nunca un martelo para silenciar instancias que sinxelamente non están aliñadas ideoloxicamente co pensamento da instancia ou da administración da mesma.

Unha visión alternativa: moderar para coidar, non para illar

Entón, cal é o camiño correcto? A miña proposta é diferenciar claramente entre dous tipos de moderación:

  1. A moderación interna (a principal responsabilidade): o traballo fundamental da moderación é “coidar da casa”. Isto significa garantir que as contas da propia instancia cumpran as normas establecidas, crear un ambiente seguro e respectuoso, actuar contra o spam, o acoso e os comportamentos tóxicos que xorden dentro da comunidade (porque xorden). É un traballo proactivo de xardinería comunitaria.
  2. O poder nas mans do usuario: a beleza do Fediverso reside en que devolve o control ao individuo. En lugar de que unha persoa moderadora decida con quen podes ou non interactuar, as ferramentas máis poderosas están ao noso alcance. Cada persoa pode seguir a quen queira, interactuar con quen desexe e, o máis importante, silenciar, filtrar ou bloquear a calquera conta ou incluso instancia que lle resulte molesta ou prexudicial. O rol da persoa moderadora é garantir que esas ferramentas funcionen, non usalas en nome de todos.

A verdadeira descentralización non é só tecnolóxica, tamén é social. Implica confiar en que as persoas son capaces de xestionar a súa propia experiencia dixital, ofrecéndolles as ferramentas para facelo, en lugar de construír muros que nos illen en pequenas comunidades.

5 comentarios

  1. @roicou o problema que vexo e que moitas instancias estan creadas especificamente para ser camaras de eco. O motivo de moitos admins non é crear un espazo cunha moderación mínima necesaria, se non montarse o seu propio Twitter pero que no canto de ser unha burbulla nazi, sexa unha burbulla da sua ideoloxia de preferencia. O cal non se convirte en problema en instancias tematicas, o problema e cando se aplica ás xeralistas. Nin sequera mastodon.social se salva, co baneo dos bridges de Twitter

    1. @ZapperDJ pero para iso montas a túa propia instancia. Se fas unha instancia pública, suponse que queres aportar o teu tempo e coñecementos en facer de Internet un sitio máis aberto e mellor…

      1. @roicou pero non e o mesmo montar unha festa e levar a todos os teus amigos que facer a festa ti só. Non se trata de facer de internet un sitio mellor, se non de facer un sitio no que ti queiras estar, e iso non ten por que coincidir co que o resto do mundo coñece como mellor. De feito hai unha chea de instancias do fediverso que son refugallo, coma trump social, kiwifarms ou as multiples de pedofilos…

  2. @roicou moi de acordo co que dis… salvo co último parrafo… I é que a xente é xente en todas partes, e a meirande parte dos reportes adoitan ser por contenido que non gusta ou unha resposta malsoante ou maleducada.

    Polo de agora só vin bloqueos de instancia completa a servidores adicados en exclusiva a pedofilia e nazismo. Pero as veces tirar do fío é complicado porque esas instancias adoitan estar pechadas e só os membros poden ver o contido. Así que a cooperación entre mods axuda moito

    1. @rubiosero en mastodon.gal temos unha listaxe xigante de instancias bloqueadas. Coma nós moitas outras que tamén bloquearon por listas de fediblock

Deixa un comentario

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *