Internet morreu: é hora de construír a nosa rede

Tixeiras cortando fíos vermellos. Imaxe de banco gratuito.

O que está a pasar coa liga é o certificado de defunción dun modelo. Internet morreu. Hoxe habitamos un centro comercial valado onde somos simples inquilinas. O bloqueo masivo de IPs e a nova ofensiva contra as VPNs para que filtren contido son os síntomas finais. Se unha entidade privada con intereses económicos moi específicos pode decidir que é visíbel e que non, a neutralidade da rede xa é historia. Estamos vendo como unha empresa dita de xeito unilateral que partes da rede son accesíbeis e cales non.

Como informáticas, sabemos onde está o problema: na capa física. Mentres dependamos exclusivamente dos cables e as torres de catro operadoras, seremos sempre vulnerábeis. Non abonda con cambiar de software ou poñer parches, hai que crear outra infraestrutura.

A alternativa real é unha rede de malla física e P2P. Unha rede que non entenda de despachos nin de bloqueos xudiciais porque non ten un nodo que manipular. E o mellor é que xa temos as ferramentas para facelo.

O noso propio móbil é o primeiro nodo desta rede. Este aparello que levamos no peto é un dispositivo moi potente que hoxe desaproveitamos. Con protocolos como Wi-Fi Direct ou Bluetooth, podemos mover datos entre usuarias sen tocar un só cable de Movistar ou Vodafone. É o punto de partida máis accesíbel para mensaxería e coordinación local.

Pero para que isto sexa sustentábel a longo alcance, hai que ocupar os tellados. Nodos LoRa (Meshtastic) para mensaxes que chegan a quilómetros cun consumo mínimo, ou antenas WiFi de longa distancia para unir barrios enteiros. Implementando protocolos como Reticulum, deseñados para funcionar sobre calquera medio sen servidores centrais, a censura faise tecnicamente imposíbel.

Non é utopía, é enxeñaría de resistencia. Se queremos que a información siga sendo libre, temos que ser as donas da nosa propia rede. O Internet libre morreu, pero a rede das usuarias está por construír.

Deixa un comentario

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *