Desde hai un tempo para aquí preocúpame a miña privacidade. Isto fixo darme de baixa de distintas redes sociais como as de Meta. Desde que Trump gañou as eleccións en EEUU e vendo como incrementaban as presións cara á Unión Europea para que esta cedese en canto a privacidade, máis aínda. Isto fixo que me arrepentise un pouco de ter mercado un Google Pixel, concretamente o Google Pixel 9.
Este teléfono encántame. Ten unha cámara alucinante, a suavidade da pantalla a 120Hz, o OLED e ese sistema Android tan ben pulido fan que quedase namorado del. Mais cruzouse polo medio a miña “desgoogleización”. Pero claro, como vas quitar a ROM de stock dun Pixel cando este é o teléfono que máis optimizado está para ela?
O primeiro que fixen foi instalar a aplicación Shelter para intentar ter algo máis de privacidade. Para quen non a coñeza, Shelter é unha aplicación de código aberto que aproveita a función de “Perfil de Traballo” de Android para crear un contedor, un espazo completamente illado e estanco dentro do teu propio teléfono. É como ter un segundo móbil virtual só para as aplicacións que non queres que te espíen.
No shelter metín WhatsApp cos contactos mínimos para funcionar nos dous grupos nos que participo e as aplicacións de Amazon. A vantaxe é que estas aplicacións viven na súa propia burbulla: non poden acceder aos meus contactos persoais, nin ás miñas fotos, nin a ningún ficheiro do sistema principal. Ademais, podes “conxelar” todo o perfil de traballo cun só toque, asegurándote de que esas aplicacións non fan nada en segundo plano.
E despois descubrín GrapheneOS. Non é simplemente “Android sen Google”. É un proxecto de código aberto centrado en ofrecer un sistema operativo móbil privado e seguro de verdade. Colle a base de Android (o AOSP) e refórzaa en múltiples niveis. Despois de investigar un pouco, quedei abraiado coas súas características:
- Seguridade endurecida (Hardening): GrapheneOS modifica o núcleo (kernel) de Android e outros compoñentes de baixo nivel para pechar vías de ataque que en Android normal están abertas. Para min, isto significa unha capa de protección fundamental.
- Google Play nunha “caixa de illamento” (Sandbox): Esta é a xoia da coroa e o que resolve o meu dilema. GrapheneOS permite instalar os Servizos de Google Play como se fosen unha aplicación normal, sen privilexios especiais. Isto significa que podo usar aplicacións que dependen de Google (como moitas da banca ou incluso o mesmo Android Auto) sen darlle a Google as chaves de todo o meu sistema operativo. Os servizos de Google quedan contidos, sen poder acceder a todo o que fago no teléfono.
- Permisos moito máis estritos: O sistema de permisos de GrapheneOS vai máis aló do estándar. Dúas funcións encantáronme:
- Permiso de Rede: Podes quitarlle o acceso a internet a calquera aplicación cun simple interruptor. Tes unha calculadora ou unha galería de fotos que pide conectarse á rede sen motivo? Quítaslle o permiso e listo.
- Permiso de Sensores: Se unha aplicación non ten por que usar o acelerómetro, o xiróscopo ou outros sensores do teléfono, pódollo denegar. Isto evita que as aplicacións poidan crear un perfil de movemento ou actividade sen o meu consentimento.
- Sen rastrexo de Google por defecto: Ao non ter os servizos de Google integrados no sistema, non hai telemetría nin envío de datos aos servidores de Google en segundo plano. A sensación de control é total.
Despois de ler todo isto, a decisión está clara. O seguinte paso é poñerse mans á obra. Quero ver cales son as primeiras impresións ao usar un Pixel liberado do seu creador.
Ver en Mastodon
⭐ 1 Favoritos 🚀 0 Promocións Ver en Mastodon
Ver en Mastodon
Ver en Mastodon
Ver en Mastodon