O meu sistema está actualizado

Captura de pantalla da parte de actualizacións da app Descubrir de Plasma

Durante anos, tívenlle pánico ás actualizacións de sistema. En Linux, especialmente se a actualización era do kernel, o reinicio era unha lotaría. Cruzaba os dedos para que todo arrincase correctamente, pero moitas veces o premio era unha pantalla en negro ou un sistema que non cargaba.

Lembro a frustración de ter que investigar en foros para resucitar o ordenador. Case sempre, o culpable era algún driver gráfico que non sobrevivía ao cambio. Por puro instinto de supervivencia, isto fixo que durante anos mantivese os meus equipos bastante desactualizados. Especialmente os que usaba para traballar, porque non me podo permitir chegar unha mañá e que o ordenador non queira acender.

Por sorte, os tempos cambiaron. O ecosistema madurou dunha forma incríbel e as distribucións modernas, como Fedora no meu caso, son moito máis robustas. A xestión dos compoñentes xa non é a ruleta rusa que había daquelas, os procesos de proba son máis estritos e a estabilidade é unha prioridade.

Agora doulle a actualizar en canto vexo a notificación. O proceso é seguro e, sobre todo, aburrido, que é exactamente como debería ser. Xa non hai que conter a respiración ao reiniciar, e esa tranquilidade paga ouro.

E vós, aínda lle tedes respecto a ese botón de “Actualizar” (ou ao comando según o que se use)?

11 comentarios

  1. @roicou
    Eu nestes cinco anos con Manjaro a única queixa con actualizacións foi ou paquetes AUR que van adiantados respecto a dependencias da release, que simplemente agardas uns días para actualizalo e Discord, que non che deixa arrancalo cunha versión antiga e obriga a facer release específica ou telo instalado manualmente. Polo demais, como dis, aburrido como debe ser e sen problemas.

    1. @fedello usei Manjaro hai 5 anos durante uns meses e tiven unha relación un pouco amor-odio con el. Desde que cambiei a Fedora non volvín querer outra cousa.

      Discord téñoo por Flatpak e a verdade é que se actualiza el só ao abrilo cando toca.

    2. @fedello @roicou eu tiven un par de sustos con Manjaro estes cinco anos.

      Unha vez, mentres actualizaba o Kernel, a actualización reiniciou todo KDE e pechou pola forza o terminal. Quedou o paquete roto e tiven que reinstalalo.

      Outra vez, ao cambiar a Plasma 6, deixaron de verse algunhas iconas que asumo só existían en Plasma 5.

      En xeral todo vai ben pero non está 100% libre de sustos, sobre todo cando te vas de vacaciones e dous meses despois realizas varias actualizacións simultaneas.

      1. @elrohir @fedello a iso me refería coa relación amor-odio. Tiña cousas que moi ben, e cousas que eran algo inestábeis. Sei que Fedora non é a distribución idónea, xa que ao final ten a IBM detrás, pero quizais iso faga que sexa tan estábel ata o punto de non darme nunca problemas nestes 5 anos que levo usándoa

        1. @roicou @elrohir Non sei, supoño que cada un atopa un punto de comodidade onde lle vaia ben. Fedora coñecín un que era firme defensor pero outros amigos non teñen mais que problemas con Fedora, o bluetooth e o Kernel.

          Pode que inflúa tamén o Hardware, eu cando empecei con Manjaro aínda tiña a 1060, despois paseime a full AMD e xa vos digo, non lembro ningunha vez que me dese problemas. Ben é certo que o máximo que estiven sen actualizalo igual foi 2-3 semanas

          1. @fedello @elrohir NVidia con Linux sempre mal, por moito que haia drivers

          2. @roicou @fedello Eu teño AMD e de drivers nunca nunca tiven problemas. O unico detalle, xa vos digo, foi estar semanas sen encender o ordenador e facer unha actualización "de varios meses dunha soa vez" que coincidiu con cambios no "session manager" que me romperon o escritorio durante o traballo de actualizacion (o kernel non ten ese problema porque se fai un respaldo cando se actualiza)

            O problema é o rolling release en xeral, e non Manjaro en particular. Pasaríame o mesmo en Debian Testing.

          3. @elrohir @fedello si, o problema é o rolling release sen dúbida. Para un uso a curto prazo é moi bonito, mais ao longo sempre rompe

          4. @roicou
            En cambio eu que non probara unha rolling release antes teño a sensación contraria XD

            Ubuntu sempre sempre sempre me deu problemas o actualizar dunha LTS a seguinte. Era mellor formatear e volver comezar coa nova.
            @elrohir

          5. @fedello @elrohir Ubuntu tampouco me gusta ese sistema de actualización polo que ti dis: preparan as actualizacións para seren instaladas de cero e esquécense dos problemas que dan ao actualizar

          6. @roicou @fedello Ah si, claro, unha actualización de LTS pode ser un cristo tamén. O problema coa rolling release é que un dia, por despiste, sufres durante unha actualización cotiá os problemas que tipicamente se dan nas migracións de LTS de Ubuntu. Logo durante varios anos a rolling release non da problemas. Ao final a acción "migrar de Plasma 6.1 a Plasma 6.2" sempre vai ter puntos fráxiles, da igual como a poñas no teu calendario.

Deixa un comentario

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *