Sobrevivir sen o buscador de Google

Imaxe dunha lupa sobre o navegador con Google AI de fondo. Imaxe de Jernej Furman.

Parece unha tarefa doada, mais non o é tanto. Aquí temos o seguinte: nos últimos anos o buscador de Google foi perdendo relevancia (ou calidade, se o preferides) nos resultados, amosando moita palla diante do que quería buscar. A todo isto sumámoslle que engadiron AI nos últimos tempos que ofrece un resultado no que non confío, xa que está demostrado que “minte” demasiado.

Isto faime buscar unha alternativa, mais non hai demasiadas. Facendo unha lista rápida dos que probei atopamos o seguinte:

  • Bing
  • DuckDuckGo
  • Yahoo!
  • Yandex
  • Brave Search
  • Startpage
  • Qwant
  • Ecosia
  • SearXNG

O problema é que pretendo ir deixando Google por ser un produto estadounidense que rastrexa demasiado, así que o resto de alternativas estadounidenses preferín ignoralas. Deste xeito xa eliminei Bing, Yahoo e Brave da ecuación. Brave, ademais, ten detrás a figura de Brendan Eich, quen é diana da miña total xenreira por doazóns persoais a causas políticas que se opoñían aos dereitos básicos para as persoas, polo que máis descartado aínda.

DuckDuckGo deixeino como excepción no grupo de estadounidenses por estar comprometido coa privacidade, e ademais, no fondo é un Bing. Con DuckDuckGo botei anos e téñolle cariño a este patiño. Coma todos, sumáronse á burbulla da AI, mais deixárona a un lado no que podes non entrar se non queres.

Mais os resultados de busca que devolve DuckDuckGo/Bing non rematan de ser convincentes. Igual houbo un tempo que si, mais agora Google volve ofrecer mellores resultados.

A seguinte opción era Yandex. É a alternativa rusa. Se teño que escoller, prefiro que recompilen os meus datos os rusos antes que os estadounidenses. Mais os resultados do buscador son desastrosos. Seguramente en ruso funcione ás mil marabillas, mais en galego principalmente é un desastre.

E aquí cheguei ás alternativas europeas: Startpage (neerlandesa), Qwant (francesa) e Ecosia (alemá). Sorprendéronme para ben, xa que cada unha ten unha filosofía distinta.

  • Qwant é quizais a máis “europea” de todas, pois presume de ter o seu propio índice de busca (aínda que se apoia en Bing), tentando non depender de xigantes estadounidenses e manter os datos dentro de Europa.
  • Ecosia usa os resultados de Bing pero cunha filosofía “eco-friendly”: doa a maior parte dos seus beneficios por publicidade a plantar árbores. Unha premisa loable.
  • Startpage ten unha proposta moi intelixente: ofréceche os resultados de Google, pero de forma totalmente anónima. Actúa como un intermediario ou proxy que protexe a túa identidade, amparándose nas leis de privacidade da UE.

De primeiras pensei en quedar con Startpage, xa que ofrece o “mellor” de Google (os seus resultados) sen o malo (o rastrexo). Estiven case un mes utilizándoa. Ecosia tamén me gustaba pola súa premisa, ata que, coma outros, engadiron AI, perdendo así para min absolutamente toda a credibilidade no seu compromiso eco-friendly.

E finalmente aterrei en SearXNG. Aquí atopei un mundo fantástico. SearXNG non é un buscador en si mesmo, senón un “metabuscador” de código aberto. Isto significa que non ten un índice propio, senón que colle as túas peticións, búscaas de forma anónima en múltiples fontes (como Google, Bing, Qwant, DuckDuckGo, etc.) e amósache os resultados mesturados e sen rastrexo. É o colmo da privacidade: é o motor o que busca por ti, non ti.

Ao principio, a idea de “instancias” (en searx.space teñen unha boa lista delas) pode botar para atrás, pero é sinxelo: son versións de SearXNG que outra xente mantén abertas ao público. Comecei probando algunhas europeas e decidín que era o meu buscador. Mais, como a cabra sempre tira ao monte, decidín montar a miña propia instancia en Docker no meu servidor da casa.

O proceso é sorprendentemente sinxelo se xa estás afeito a Docker, e a sensación de ter o control total sobre o meu buscador, sen depender de ninguén e sabendo que non se rexistra absolutamente nada, é impagábel. Máis que recomendábel xogar con estes temas se tedes un servidor ou RaspberryPi.

Conclusión

“Desgooglearse” da busca non é un camiño doado. Require probar, fallar e, sobre todo, aceptar certos compromisos. Ás veces os resultados non son tan perfectos ou instantáneos como os de Google, pero a cambio gáñase en privacidade e, no meu caso con SearXNG, en soberanía tecnolóxica. Deixar de ser o produto e volver ser o usuario é posible, pero esixe un pequeno esforzo.

Quizais o único que boto de menos son os resultados de Google para comercios cos seus horarios, contacto e o mapa integrado. Ese “Knowledge Panel” é, hai que recoñecelo, incribelmente cómodo. Para suplir isto, a alternativa máis directa é usar unha aplicación de mapas. Aínda que Google Maps é o xigante, a alternativa de código aberto e centrada na privacidade é OpenStreetMap (OSM). Aínda que os seus datos de negocios non son tan exhaustivos como os de Google, xa que dependen da comunidade, melloran cada día. Uso aplicacións como OsmAnd ou Organic Maps no móbil, que beben directamente de OSM. Outros buscadores como DuckDuckGo solucionan isto integrando datos de Apple Maps ou Bing Maps. E, por suposto, a miña instancia de SearXNG pódese configurar para que busque tamén en OpenStreetMap, aínda que para unha consulta rápida, ás veces é máis sinxelo abrir unha app de mapas adicada.

5 comentarios

  1. @roicou Moi interesante. Levo anos usando DuckDuckGo de forma satisfactoria pero nunca está de mais ver outras opcións. Non coñecía SearXNG e acabo de probar un par de instancias pero os resultados son bastante pobres, non sei se é por algún tipo de configuración desas estancias?

    Por certo, de vez en cando visito Marginalia, non sei se o coñeces: marginalia-search.com/

    1. @misteroom non coñecía Marginalia. Botareille unha ollada, grazas.

      En canto a SearXNG, hai que xogar un pouco coa configuración dos motores de busca para afinar os resultados ao que desexas

      1. @roicou Entendo. Supoño que o mellor é montarme a miña propia instancia, como fixeches ti 😀

        Cando teña un oco, a ver se fuchico algo.

        1. @misteroom igualmente podes configurar calquera instancia porque se garda nun token a configuración para ti

Deixa un comentario

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *