Montei o meu propio Spotify na casa

Logo de Navidrome e Symfonium con capturas de pantalla da aplicación

Esta foi a mellor decisión musical dos últimos anos.

No artigo anterior falaba de recuperar o factor humano no descubrimento musical. Quedaba pendente a pregunta práctica: e a música que xa teño? A que ripeei de CDs, a que merquei en Bandcamp, a que… obtiven por outros medios (😉)…

A resposta chegou en forma de Navidrome.

Que é Navidrome

Un servidor de música que instalas na túa propia casa (nun ordenador vello, nunha Raspberry Pi, onde che pete) e que funciona como o teu Spotify privado. A túa música, accesíbel desde calquera dispositivo, sen subscricións nin algoritmos. A instalación non é complicada se tes un mínimo de soltura, e en menos dunha tarde xa tiña todo en marcha.

Organizar a colección

Antes de escoitar nada hai que ter a biblioteca en orde, e aquí entra MusicBrainz Picard. É o programa que uso para xestionar as etiquetas de todos os arquivos: artista, álbum, ano, carátula… Picard cruza os teus arquivos coa base de datos de MusicBrainz e etiqueta todo de forma case automática. É un paso que non podes saltar se queres que todo quede ben organizado.

Para conseguir música nova, Bandcamp é a miña primeira opción sempre que podo. Compras directamente ao artista, descargas en FLAC ou na calidade que prefiras, e o arquivo queda na túa biblioteca para sempre. Sen DRM, sen intermediarios, sen que desapareza da túa lista cando a plataforma perde os dereitos.

E por último, as letras. Teño un script que, de xeito automático, conecta con lrclib e descarga as letras sincronizadas de toda a colección. Pódese automatizar para que corra periodicamente, e así sempre as tes dispoñíbeis sen ter que pensar niso.

Os clientes: a parte frustrante mais con sorpresa final

A interface web de Navidrome funciona ben para uso ocasional. En Linux atopei Feishin, que é sinxelamente espectacular: moderno, estábel e sen complicacións.

En Android foi outra historia. Na F-Droid hai varias opcións que parecen saídas directamente do ano 2000. Logo probei Tempo, que prometía, pero a estabilidade deixaba moito que desexar. Na Play Store Substreamer cumpría ben, mais non funciona con Android Auto, que para min é innegociábel.

E entón atopei Symfonium. Por 6€ de pago único conseguín o mellor reprodutor de música que tiven nunca en Android. Non é esaxeración: nin Spotify nin Tidal teñen unha app que se lle achegue. A interface é completamente personalizábel (fontes, cores, disposición de cada pantalla,…), ten ecualizador avanzado con milleiros de perfiles AutoEQ para auriculares específicos, reproduce calquera formato (FLAC, ALAC, DSD, Opus…), funciona con Android Auto e ata ten app para Wear OS. Seis euros. Pago único. Actualízase regularmente. Non hai trampa.

A reflexión

Antes tiña un sistema deseñado para que eu non parase de consumir música. Agora teño un sistema deseñado para que eu poida gozar da miña música. É unha diferenza pequena en palabras e enorme na práctica. Non hai nada que me suxira o seguinte, nada que encha o silencio por min. Se quero escoitar algo, teño que elixilo. E resulta que iso, simplemente elixir, é xusto o que botaba de menos.

16 comentarios

  1. @roicou Justo estava a mirar de montar eu um! A experiência com o Navidrome é boa? Deu muitos problemas para configurar tudo?

    1. @amilgz ningún problema, se queres facilítoche o docker compose que usei. O único é que as cancións teñen que ir ben etiquetadas

      1. @roicou Nom, obri, prefiro fedelhar eu do zero, mas se tenho algum problema já sei a quem acudir 😊

  2. @roicou non usas Lidarr nin nada así non? Metes a túa música a man

    1. @coegho uso Lidarr para organizar a biblioteca de forma automática por carpetas. Mais sen clientes de descarga nin nada. Bótolle sos arquivos e el xa os recolle e os coloca na súa carpeta

      1. @roicou ah pois se o vas usar para iso, eu recoméndoche que lle botes unha ollada a Beets, é comodísimo. Como combinar Picard e Lidarr a un tempo. Configúralo para que colla todos os ficheiros dun cartafol de entrada e que os meta ordenados e con metadatos nun de saída, e podes incluso monitorizar cambios en Musicbrainz, incrustarlles carátulas e letras e cousas así

        1. @coegho botareille unha ollada, aínda que lidarr permitirame obter álbums de certos artistas polos que non quero pagar 😇

          1. @roicou teño eu un setup montado con Lidarr+Prowlarr+Soularr+slskd+Navidrome+Beets, un día destes teño que seguir o teu exemplo e facer un artigo no meu blogue tamén

          2. @coegho teño curiosidade por saber como compaxina todo

  3. @roicou O proxecto Tempo está abandonado dende fai anos. Proba mellor Tempus github.com/eddyizm/tempus que é un fork no que se está traballando e funciona moito mellor.

    1. @franleiro grazas polo apunte. Estiven a botarlle un ollo e si, ten co u si nas novas. Aínda así Symfonium é moi superior

  4. @roicou Tempo foi abandoado, pero hai un fork moi actualizado chamado Tempus (eddyizm.github.io/tempus/). Aínda así, para mín o mellor é Castafiore github.com/sawyerf/Castafiore coa traducción ao galego por @spectrumgirl

    É unha mágoa liberarse de Spotify e do seu algoritmo e rematar atrapado nun cliente privativo con moitos permisos en Android e con varios rastreadores.

    1. @t3rr0rz0n3 @spectrumgirl ollo! Pinta moi ben Castafiore: en galego, agradábel ao uso, con soporte para letras… Mais aquí volvo ter o problema de sempre: Android Auto. Tempus non me abre en Android Auto. O único realmente útil no coche segue a ser Symfonium.

      1. @roicou @spectrumgirl Tempus ten soporte para Android Auto, pero so a versión de Github, non a de F-Droid. Castafiore está en proceso de implementar Android Auto.

        1. @t3rr0rz0n3 @spectrumgirl Tempus tampouco segue as letras sincronizadas. Punto aí para Castafiore!

    2. @t3rr0rz0n3 @spectrumgirl por outra banda, falando de Symfonium reports.exodus-privacy.eu.org/

      Os rastrexadores son dous clásicos que teñen todas as apps que están na Play Store (téñoos bloqueados por DNS). En canto a permisos non parecen tantos como di. Eu só lle teño coñecidos permisos de rede para que sincronice co Navidrome.

      Polo resto: a mellor app de reprodución de música que probei nunca

Deixa un comentario

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *