Tres semanas con GrapheneOS

Tres semanas con GrapheneOS

Luces e sombras dunha vida sen Google

Tal e como vos comentei nunha entrada anterior, a miña curiosidade e as ganas de recuperar o control sobre a miña privacidade dixital leváronme a dar o salto: instalei GrapheneOS no meu Pixel 9. Despois de tres semanas de uso intensivo, a experiencia está a ser unha viaxe chea de descubrimentos, con moitas luces e algunhas sombras. Aínda que, adianto, a maioría destas sombras non son culpa do sistema operativo, senón do ecosistema dixital no que vivimos.

A estratexia dos perfís: illando a Google

Unha das funcionalidades máis potentes de GrapheneOS é a súa xestión de perfís de usuario. Permite crear contornos completamente illados uns dos outros, coma se tiveses varios móbiles nun só. O primeiro que fixen foi deseñar unha estrutura que me permitise equilibrar privacidade e funcionalidade:

  • Perfil Principal (sen Google): O meu refuxio dixital. Aquí non hai nin rastro dos servizos de Google. É o perfil que uso o 90 % do tempo, con aplicacións de código aberto instaladas desde F-Droid e, para as que non queda outra, desde Aurora Store.
  • Perfil “Google” (con servizos): Un mal necesario. Este perfil ten unha conta de Google e os seus servizos para tarefas específicas que, por desgraza, dependen totalmente deles. O caso de uso principal é Android Auto, imprescindíbel xa para as miñas viaxes en coche. Podería usar o GPS do coche e o audio bluetooth, mais diría que incluso por seguridade á hora de conducir paréceme máis axeitado usar Android Auto pola súa comodidade no uso.
  • Perfil “bancario” (con servizos e outra conta): Para as aplicacións máis sensíbeis. Creei un terceiro perfil cunha conta de Google diferente exclusivamente para instalar a app do meu banco e outras ferramentas financeiras. Aínda que existen alternativas como Aurora Store, para este tipo de aplicacións sentíame máis seguro descargándoas directamente da Play Store oficial.

A maxia disto é que cando volvo ao meu perfil principal, os outros dous perfís “apáganse” por completo. As súas aplicacións non se executan en segundo plano, non consomen batería e, o máis importante, non poden rastrexar absolutamente nada.

O dilema de WhatsApp: Espazo Privado vs. Shelter

Unha vez configurada a base, chegou o momento de enfrontarse ás aplicacións do día a día. A que máis dores de cabeza me deu foi WhatsApp. Necesítoa para comunicarme con algúns grupos importantes, pero non a quería no meu perfil principal, contaminando o meu espazo libre de Meta.

A primeira solución que probei foi o “Espazo Privado” de GrapheneOS, unha función que crea un contedor illado dentro do mesmo perfil. A idea é boa, pero na práctica atopei varias limitacións:

  1. Compartir ficheiros é un engorro: enviar unha foto desde a galería principal ao WhatsApp do Espazo Privado require varios pasos pouco intuitivos.
  2. Xestión de aplicacións limitada: non se poden “conxelar” (hibernar) aplicacións de forma individual. Ou todo o espazo está activo, ou está desactivado.
  3. Sen accesos directos: fun incapaz crear un atallo na pantalla de inicio para unha aplicación que está dentro do Espazo Privado, o que dificulta o acceso rápido tendo que ir sempre ao caixón de aplicacións.

Estas limitacións fixéronme volver a un vello coñecido: Shelter. Esta marabillosa aplicación aproveita o “perfil de traballo” de Android para crear un contorno illado dentro do teu perfil principal. Con Shelter, solucionei todos os problemas anteriores: as aplicacións instaladas nel están totalmente separadas, podo conxelalas cando non as uso (coma se estivesen desinstaladas, aforrando batería e recursos e evitando rexistros) e, aínda así, ter unha icona de acceso directo na miña pantalla de inicio que as desconxela en cada uso. Unha vitoria en toda regra.

O gran muro: as notificacións push e o dominio de Google

Aquí atopei a maior “sombra” da miña experiencia. Tras instalar as miñas aplicacións habituais con F-Droid e Aurora Store no perfil principal, decateime de que moitas delas non me enviaban notificacións. Non chegaban os avisos de novas mensaxes, correos ou actualizacións.

A razón? Google, na súa infinita astucia, creou un sistema chamado Firebase Cloud Messaging (FCM). É un servizo centralizado que a inmensa maioría de desenvolvedores usan para enviar notificacións push. Sen os servizos de Google Play instalados, o teu móbil non pode recibir eses avisos.

Existen alternativas libres como UnifiedPush, que algunhas aplicacións xa soportan, pero por desgraza aínda non é o estándar. Isto déixame nunha encrucillada con dúas opcións sobre a mesa:

  1. Asumilo e vivir sen notificacións: a opción máis purista en termos de privacidade. Implica cambiar o hábito de ser reactivo (responder a un aviso) a ser proactivo (abrir a app para ver se hai algo novo).
  2. Instalar os servizos de Google nun “sandbox”: GrapheneOS permite instalar unha versión dos servizos de Google como unha aplicación normal, sen privilexios especiais. Podería instalala, quitarlle todos os permisos agás o de acceso á rede e usala unicamente como ponte para recibir notificacións.

Conclusión: un camiño que paga a pena

Estas tres semanas foron un curso intensivo sobre como funciona realmente o noso móbil. GrapheneOS ofréceche un nivel de control, seguridade e privacidade que simplemente non existe en Android convencional. As “luces” son cegadoras: a velocidade, a fluidez, a duración da batería e a tranquilidade de saber que tes o control son impagábeis.

As “sombras” non son máis que o reflexo da nosa dependencia dun ecosistema deseñado por Google para mantelo preso. A batalla polas notificacións é o exemplo perfecto.

Polo de agora, sigo a explorar e a valorar que camiño tomar. O que teño claro é que, a pesar dos obstáculos, non hai volta atrás. Escapar de Google non é premer un botón, é un proceso de aprendizaxe e adaptación. E, sen dúbida, é un proceso que está a pagar moito a pena.

14 comentarios

  1. @roicou O das notificacións semella unha oportunidade para aprender a desconectar do móbil tamén, aínda que pode ter o risco de acabar collendoo cada cinco minutos para mirar se hai algo, dependendo XD

    Por certo un apunte en modo mimimi, a astucia de google foi mercar Firebase, non desenvolvelo. Polo menos orixinalmente, xa hai tantos anos que terá mais desenvolvemento de Google que dos orixinais techcrunch.com/2014/10/21/goog

    1. @fedello eu son dos do teléfono en non molestar as 24 horas do día, mais é certo que me gusta saber se teño algún aviso de algo… seguirei investigando como facelo ben

    2. @fedello o do Firebase, polo nome xa tiña pinta de non ser orixinal de Google 😅

  2. @roicou flipa-me a integração do teu blogue com o fediverso. penso que dixeras que era um plugin teu, está publicado nalgures?

    1. @xurxodiz fíxeno eu (para WordPress), mais teño que darlle unha volta para publicalo. Aínda estou atopando moitos pequenos erros e preciso atopar tempo e ganas para darlle

        1. @xurxodiz con esa presión vou ter que darlle 😂

  3. @roicou a min tírame para atrás non ter as notificacións do WhatsApp. Sabes se hai posibilidade de comprobar as notificacións cada X minutos?

    1. @StoneWalker WhatsApp concretamente si notifica. Proton Mail, Pekebook, Bring (esta nin siquera abre), etc. non notifican. As de IM polo xeral teñen unha comprobación cada X minutos

      1. @roicou pois xenial, animareime a probar eOS sen google que o soporta o meu móbil

  4. @roicou grazas por compartir a túa experiencia e o xeito en que configuras o teu dispositivo.

    O meu uso é tan básico que só teño un perfil, onde teño «Sandboxed Google Play» activa, así que o das notificacións no meu dispositivo non son problema, pero creo que hai xeito de facer que un perfil reciba as notificacións doutro (neste caso supoño que sigue activo en segundo plano). Algo así entendín nas páxinas de axuda, pero sinceramente, o nivel de abstracción dos niveis de acceso aos recursos supera o meu entendemento e quedei cun único perfil limitando o acceso cos «scopes».

    Unha cousa que non vin que uses é o dos «Ámbitos/Scopes» que, por exemplo, son útiles para NON dar acceso á axenda a determinadas aplicacións, ou á localización (que pode usarse o propio sistema de :grapheneOS: ). Igual é útil para poder ter esas aplicacións no perfil principal (o máis activo) mantendoas medianamente illadas.

    1. @ghose podes recibir notificacións dun perfil dende outro "Notificación de Tusky no perfil X" sen contido confidencial sempre que o perfil teña permisos de execución en segundo plano. Mais só das apps do perfil en cuestión. Eu por exemplo ao de Google non lle deixei segundo plano.

      En canto aos scopes están moi ben para apps que espían moito, mais no meu caso xa as teño illadas.

      Faltoume comentar como comparto arquivos con Syncthing entre perfís

Deixa un comentario

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *